Icona Menú
Inicio / Wikiasistencia / Axudas para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade

Axudas para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade

Ano publicación:
2016
Resumo:

Orde do 20 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións destinadas a confederacións, federacións e entidades de iniciativa social, non asociadas nin federadas, sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o período 2016-2017 dunha liña de subvencións dirixidas ás confederacións, federacións e ás entidades de iniciativa social non asociadas nin federadas, no ámbito das persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización por estas dun ou varios proxectos formativos orientados á adquisición de formación prelaboral e de habilidades para o desenvolvemento de actividades na vida cotiá que permitan unha preparación para unha futura inserción sociolaboral.

A finalidade destas axudas é a de contribuír á mellora da empregabilidade mediante a adquisición de habilidades e capacidades prelaborais das persoas con discapacidade en idades comprendidas, preferentemente, entre os 21 e os 35 anos e cun nivel de discapacidade de entre o 33 e o 80 %, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o desenvolvemento de accións formativas nos seguintes eidos:

  • Para as persoas participantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65 % e ata o 80 %, promoverase o desenvolvemento da área persoal e social e/ou a área de formación básica e prelaboral.
  • Para as persoas participantes cun grao de discapacidade de entre o 33 % e o 65 %, promoverase o desenvolvemento de accións previas que melloren as súas posibilidades de inserción laboral (formación básica instrumental, formación para mellorar a autoestima e formación para mellorar as súas habilidades sociais en xeral).

Entidades beneficiarias

  1. Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as confederacións e as federacións cuxo obxecto social inclúa a promoción ou realización de accións no ámbito das persoas con discapacidade e as entidades de iniciativa social que, contando con análogo obxecto social, non se atopen asociadas nin federadas ás anteriores entidades de segundo nivel asociativo.
  2. Poderán, así mesmo, ser destinatarias as confederacións e federacións referidas no parágrafo anterior, que concorran conxuntamente con entidades de iniciativa social do seu ámbito federativo como agrupación de entidades, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. 

Ligazón:
Temática: