Icona Menú
Inicio / Wikiasistencia / MIAVIZOR

MIAVIZOR

Resumo:

Que é?

Nome do servizo: MiAvizor

Que sistema utiliza? MiAvizor é un sistema de teleprevención sociosanitaria que permite analizar a rutina da vida diaria da persoa usuaria. A base de comunicacións do sistema Miavizor é capaz de comunicarse co servidor central a través de tres vías diferentes: liña de telefono básica, ADSL e GPRS. Está composto por uns sensores sen fíos instalados no fogar do maior, que analiza de forma autónoma e automática a rutina do día a día da persoa, e crea así uns perfís e rutinas para realizar un seguimento sen a necesidade da intervención humana. É unha ferramenta para o profesional, un apoio para a familia e un servizo para o maior.

Como funciona? 

O sistema comunícase co servidor central mediante tres vías diferentes: ADSL, GPRS e liña telefónica tradicional. Cando a base de comunicacións xera unha alarma e a recibe o servidor central, este reenvíalla ao destinatario mediante varias vías: chamada de voz, mensaxe de texto a un móbil, mediante un correo electrónico, mediante a integración da información, nunha aplicación dun provedor de servizos, e finalmente mediante a consulta dunha páxina web. Os sensores estarán continuamente captando información que será recibida por unha pasarela residencial, para proceder ao seu envío cara a un servidor remoto. A pasarela residencial interpreta os datos recibidos dos sensores sen fíos e establece así unha rutina inicial da persoa que se vai monitorar. Unha vez estea o sistema en constante funcionamento, levarase a cabo un exhaustivo análise da información co fin de detectar variacións na rutina diaria da persoa, nese caso, enviaráselle unha alerta ao centro de control, a partir deste momento seguiranse os protocolos adecuados de actuación.

Este sistema permite conectarse desde calquera parte do mundo vía internet para poder acceder á vida diaria das persoas maiores. A través dunha páxina web con seguridade integrada, as persoas previamente autorizadas pola persoa maior, poderán acceder a informes que nos achegarán información detallada do horario de sono, comida, uso do baño etc.

Estes informes tamén proporcionarán os horarios de entrada e saída do fogar, e con toda esta información, poderanse previr, ou mellorar enfermidades como poden ser depresións, perda de mobilidade ou calquera outra enfermidade tanto física como mental.

Este é un sistema sociocomunitario, no que a información da persoa maior monitorada se pon á disposición do seu contorno (persoal médico, persoas coidadoras, familiares ou mesmo veciños/as), coa autorización previa da persoa maior.

Que vantaxes presenta respecto doutros sistemas de teleasistencia?

- MiAvizor é un sistema autónomo e que non necesita un botón de alarma para xerar unha alarma.

- Capaz de establecer uns hábitos e rutinas da persoa usuaria orientado á prevención e ao apoio ás familias. - Permite conectarse desde calquera parte do mundo ao informe no que a familia, poderá ver e analizar a vida diaria do/da seu/súa maior.

- MiAvizor, é capaz de detectar se alguén está dentro da casa ou non, desta forma, se a persoa usuaria o desexa, pode activar o sistema en Modo Intrusión. Esta función permite que, se a persoa maior está ausente do fogar varios días, o sistema lles envíe unha alarma ás persoas autorizadas se detectan algún movemento.O servizo pode activarse desde a aplicación web, e é necesario dispoñer de privilexios especiais acordados polo beneficiario á persoa usuaria.

- MiAvizor dispón de sensores inmunes aos animais domésticos hasta 35 quilos, desta forma, un can guía ou un animal de compañía pode convivir co sistema.

- Non é soamente un sistema de prevención de riscos do comportamento, senón tamén un sistema que ten capacidade para previr riscos no fogar da nosa persoa monitorada, mediante unha serie de dispositivos adicionais que permiten supervisar a seguridade da persoa maior no contorno, así como xerarlles alertas aos familiares autorizados. Entre estas prevencións atopamos:

   o Prevención ante temperaturas do fogar inusualmente altas ou baixas que comprometan a seguridade da persoa maior.

   o Prevención de inundación, de fugas de monóxido de carbono, de ondas de calor, de incendios etc.

- Oferta un módulo de xestión de alimentación específico para aquelas comunidades, concellos ou entidades que oferten o servizo de comida a domicilio semanal. Mediante uns sensores converterase a neveira nun frigorífico intelixente, e a familia poderá supervisar unha serie de datos, como por exemplo os horarios da comida, temperatura do frigorífico ou se a persoa usuaria respecta a dieta semanal que se lle estableceu.

No caso de usar este sistema unicamente, podemos configurar o sistema para que se conecte unha vez á semana co servidor central, polo que se pode instalar unicamente o modulo de alimentación sen necesidade de instalar outros sensores ou módulos.

Instalación

É necesario facer obras na casa para a instalación dos terminais ou dispositivos? Este sistema foi creado coa idea de non interferir na vida da persoa usuaria e para adaptarse á maior parte dos fogares e molestar o menos posible. Os sensores son sen fíos polo que non necesita ningún tipo de instalación nin cables. ç

Canto tempo durará? A instalación durará uns 20 minutos, o sistema funciona incluso cunha liña de teléfono convencional.

Quen realizará a instalación? A instalación será levada a cabo por persoal especializado da Universidade de Santiago de Compostela (USC)

Que tipo de dispositivos se van instalar? Instalaranse unicamente os sensores sen fíos repartidos polas distintas estancias do fogar da persoa usuaria.

• Dispoñibilidade destes ante emerxencias ou caídas do sistema: as persoas responsables deste sistema estarán dispoñibles as 24 horas do día, os 365 días do ano, é dicir, dispoñibilidade completa.

Persoas usuarias

A quen vai dirixido? Este sistema está dirixido a aquelas persoas maiores que viven soas, que padecen algunha enfermidade, ou que queren quedar o maior tempo posible na súa casa sendo coidadas como elas desexan, no seu contorno familiar. A través deste sistema avanzado as persoas sentiranse constantemente acompañadas e coidadas, que se consideran persoas beneficiarias. Por outra parte, está dirixido fundamentalmente aos usuarios/as principais (familia, profesionais do contorno do beneficiario etc.).

Que requisitos deben reunir para a súa utilización? Que a persoa sexa maior de 65 anos ou que se atope en situación de dependencia.

Deben recibir formación para o correcto uso deste sistema? Cando se instalan os sensores e se fai entrega do material, ao/á usuario/a principal (familia, profesionais do contorno do maior etc.), indícaselle ben o funcionamento, a maneira acceder aos informes, a ver a información contida na páxina web, a posibilidade de cambiar parámetros, o código de acceso á información que será o DNI, e un contrasinal. Neste caso, o beneficiario (persoa maior) é pasivo, é quen autoriza as persoas para ver toda a información da súa rutina diaria, pero non necesita ningún tipo de aprendizaxe nin de mantemento por parte da persoa.

Equipo da persoa usuaria

De que tipo de equipo dispoñerá? MiAvizor está formado por unha serie de sensores sen fíos, do que a persoa beneficiaria é totalmente independente. Soamente, en caso de que a persoa usuaria o queira, recibiría unha pulseira cun botón de alarma por si se sente así máis segura.

Este dispositivo é resistente á auga.

Mantemento do equipo e a súa reposición: antes de que o dispositivo quede sen batería, recibirase unha alarma na web. Deste xeito a persoa usuaria non terá que preocuparse nin estar pendente da batería do equipo.

Temática: