Icona Menú
Inicio / Wikiasistencia / SISTEMA DE TELEXERONTOLOXÍA

SISTEMA DE TELEXERONTOLOXÍA

Resumo:

Que é?

Nome do servizo: Telexerontoloxía®

Que sistema utiliza? Trátase dun terminal dedicado, que leva instalado un programa para as diferentes actividades, este programa comunícase cun centro de datos a través de internet. Para o funcionamento deste sistema, é preciso unha conexión a internet e os compoñentes da Telexerontoloxía® que inclúen no fogar remoto unha pantalla táctil de uso moi sinxelo, e intuitivo dotada dunha webcam e altofalantes conectada a un set box que conecta a todos os dispositivos e facilita a comunicación exterior a través de internet. Este terminal é xestionado remotamente desde o centro de control onde un equipo de persoas expertas en informática e xerontoloxía atenderá calquera tipo de incidencia ou consulta.

Como funciona? Este sistema de Telexerontoloxía® valora a cada persoa de xeito individual e permite personalizar as actuacións necesarias en cada momento.

Ofrece servizos como:

- A tele-estimulación cognitiva (Telecognitio®), baseada en exercizos especialmente deseñados para avaliación e a estimulación mental.

- Rehabilitación por vídeo e contidos estáticos.

- Navegación por internet.

- Especialista na casa. Pode así realizar consultas a especialistas mediante videoconferencia.

Este sistema determina tamén os parámetros biomédicos a distancia: medición da tensión arterial, pulso, nivel de saturación de osíxeno, agudeza visual, limiar auditivo ou nivel de dor.

Ademais disto, as persoas usuarias terán á súa disposición unha axenda de eventos, tanto para os de tipo periódicos como os puntuais e que se pode cubrir desde o centro de control ou ben por ela mesma.

Que vantaxes presenta respecto doutros sistemas de teleasistencia?

- Este sistema caracterízase pola súa fácil instalación e uso a través dunha pantalla táctil, especialmente deseñada para xente maior e/ou con dificultades motrices.

- Conta cun servizo de telealarma de funcionamento a través de videoconferencia e supera a convencional por liña telefónica.

- Posúe un maior número de funcionalidades incluíndo a posibilidade de determinar parámetros biomédicos en liña e facer seguimento de patoloxías crónicas tipo hipertensión arterial ou enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), entre outras.

- Presenta contidos en relación coa prevención da enfermidade e a promoción da saúde en formato HTML e vídeos elaborados por profesionais da xerontoloxía e da xeriatría. Ademais da posibilidade de facer seguimento de estado cognitivo a través da aplicación Telecognitio® que posibilitaría a detección precoz de deterioro cognitivo leve, como paso previo á demencia.

- As posibilidades de adaptar a axenda de eventos na toma de medicamentos ou outros feitos de relevancia para o/a paciente e a persoa coidadora.

- A aplicación da avaliación e adestramento cognitivo con máis de 43.000 actividades que traballan diferentes áreas e que se adapta ao nivel da persoa usuaria.

- O centro de control conta con diferentes profesionais que revisarán os datos achegados aos servidores e tamén serán os responsables de atender por videoconferencia ás persoas maiores ou ás súas persoas coidadoras.

Instalación

É necesario facer obras na casa para a instalación dos terminais ou dispositivos? Se a vivenda conta con internet a instalación consiste unicamente en enchufar o equipo á corrente eléctrica e a internet. No caso de que a persoa maior non conte con internet no seu fogar, será precisa a súa contratación.

Canto tempo durará esta? O proceso de desembalar e enchufar os dispositivos pode levar un máximo de 10 minutos.

Quen realizará a instalación? A instalación é moi sinxela, polo tanto a persoa usuaria podería levala a cabo sen ningún tipo de problema, non sendo así, podería realizala unha persoa instaladora da empresa que ofrece o servizo.

Que tipo de dispositivos se van instalar? Para o funcionamento do servizo de Telexerontoloxía® precísase unha pantalla táctil, terminal de servizos, webcam e micrófono e, en caso de solicitar a mediación de parámetros biomédicos, habería que engadir os dispositivos necesarios. (Tensiómetro e pulsímetro).

Responsables do servizo

• Perfil profesional: diferenciamos tres tipos de profesionais:

- A persoa responsable do centro de atención será un/unha profesional universitario/a con formación en xerontoloxía e xeriatría, ao igual que a persoa coordinadora de zona/persoa instaladora.

- O equipo de operadores/as será o encargado de recibir en primeira instancia as alarmas e chamadas.

- O equipo de terapeutas, será persoal con formación en xerontoloxía e/ou xeriatría. Xeralmente, con titulación universitaria (medicina, enfermería, psicoloxía, terapeuta ocupacional, fisioterapeuta, logopeda ou traballo social) e ademais especialistas en xerontoloxía e xeriatría.

No departamento de I+D+I, encargado do desenvolvemento e actualización do servizo, integraranse ademais do equipo de terapeutas con este cometido, os seguintes perfís:

- Responsable de informática: enxeñeiro/a informático

- Enxeñeiro/a en telecomunicacións

- Administrador/a de sistemas: enxeñeiro/a técnico en informática

- Deseñador/a gráfico: FP Informática ou Enxeñería Técnica en Informática

Dispoñibilidade destes ante emerxencias ou caídas do sistema. Este sistema dispoñerá de teleoperadores/as para atender as alarmas ou consultas recibidas durante as 24 horas do día. Os sistemas poden ser monitorados remotamente e actuar consecuentemente en caso de fallo.

Funcións do responsable xeral do servizo: esta figura velará polo bo funcionamento do equipo técnico, así como porque a boa atención nas alarmas e chamadas se realice de xeito inmediato e adecuado, e porá especial interese en que a persoa usuaria reciba sempre un trato cordial e se mobilicen, de ser necesario, os recursos propios ou alleos que a situación requira.

Persoas usuarias

A quen vai dirixido? Aínda co servizo da Telexerontoloxía® naceu para atender as persoas maiores e ás súas persoas coidadoras, na actualidade e dada a alta cantidade de funcionalidades que inclúe está dirixido a calquera persoa que o considere necesario. En todo caso, aquelas persoas con patoloxías crónicas ou perda de capacidade cognitiva ou funcional, poderían ser as persoas máis beneficiadas, tanto polo seguimento feito como pola tranquilidade das súas persoas coidadoras ou familiares.

Este servizo irá tamén dirixido ás persoas coidadoras destas persoas, de acordo ás posibilidades de soporte que oferta o servizo.

Que requisitos deben reunir para a súa utilización? Para beneficiarse deste servizo non se esixe ningún requisito, xa que no caso de que a persoa maior non puidera beneficiarse dos servizos (privación sensorial importante ou demencia), podería facelo a persoa coidadora.

Deben recibir formación para o correcto uso deste sistema? Para interactuar con este servizo de Telexerontoloxía® non é preciso recibir formación especial, pero en caso de que se considere necesario, sería o persoal da empresa responsable o encargado de facilitar a formación necesaria, ben desprazándose á situación remota ou ofrecéndoa por videoconferencia. En todo caso, todas as persoas usuarias do servizo recibirán un manual onde se explican detalladamente as funcionalidades e o manexo do dispositivo de xeito sinxelo.

Equipo da persoa usuaria

De que tipo de equipo dispoñerá? O beneficiario dispoñerá dun colgante con botón de alarma, ao premelo, poñerase en marcha unha videoconferencia que xerará unha entrada prioritaria ao centro de control, onde os teleoperadores/as resolverán esa situación de alarma, emerxencia ou consulta. O botón de alarma consiste nun botón con cobertura suficiente para un fogar de tamaño medio.

Temática: