Icona Menú
Inicio / Wikiasistencia / SISTEMA DE ATENCIÓN AO MAIOR A TRAVÉS DA TV (SAM-TV)

SISTEMA DE ATENCIÓN AO MAIOR A TRAVÉS DA TV (SAM-TV)

Resumo:

Que é?

Nome do servizo: SAM-TV

Que sistema utiliza? Este servizo defínese como unha plataforma de axuda á dependencia a través da televisión do fogar e mediante un sistema de administración vía web.

Este sistema pretende incluír as persoas maiores na sociedade da información a través das novas tecnoloxías e unha interface de usuario/a que non lle resulte allea, como é o televisor, e pretende tamén mellorar a calidade de vida tanto do/a paciente como do/a coidador/a a través do apoio domiciliario prestado por esta plataforma.

Como funciona? 

Mediante este servizo a persoa usuaria poderá beneficiarse dunha serie de aplicacións.

- Calendario de eventos con alarmas asociadas para recordatorios a través da pantalla da televisión. A través de este servizo, tanto a persoa usuaria como os coidadores/as ou a familia, poderán visualizar, acceder e modificar as citas ou eventos do maior.

- Acceso sinxelo e adaptado a servizos de internet como poden ser youtube, wikipedia ou servizos de google, no que as persoas usuarias poderán ter acceso a todo tipo de información e servizos que exista no mundo web, pero dun modo axeitado para eles.

- Acceso aos eventos de ocio máis próximos á persoa usuaria.

- Acceso ás principais canles de información de ámbito nacional, rexional e local.

- Acceso á información meteorolóxica, a través do cal a persoa usuaria poderá consultar as predicións no municipio máis próximo á súa situación xeográfica.

En canto ás vantaxes relacionadas coa saúde, este servizo permite a monitorización da presión arterial, xogos cognitivos e de rehabilitación, cuestionarios médicos, visión de vídeos de rehabilitación e formación. Mediante esta plataforma contribúese tamén a evitar o illamento social co acceso a diferentes redes sociais mediante unha forma adaptada como por exemplo Facebook ou Twitter.

Que vantaxes presenta respecto doutros sistemas de teleasistencia?

- Este servizo une todos os servizos de teleasistencia nunha única plataforma, polo que evita múltiples dispositivos, así como múltiples instalacións.

- Conta con unha modularidade que permite a integración de calquera outro sistema, como poden ser sistemas domóticos instalados no domicilio ou novas instalacións.

- Integra servizos sociais e interfaces adaptadas ás necesidades específicas de cada colectivo.

Instalación

• É necesario facer obras na casa para a instalación dos terminais ou dispositivos? Non é necesario facer ningún tipo de obra na casa da persoa usuaria para o uso desta plataforma.

• Canto tempo durará? A única instalación que se debe de facer é conectar a plataforma, HTPC (Home Theather PC) á televisión, á rede eléctrica e a internet; destas, a única conexión que pode ocasionar algún tipo de problemas, é a conexión a internet, xa que se podería dar o caso de que o encamiñador estivese lonxe da televisión. Para isto, a plataforma, conta con capacidades wifi polo que a instalación redúcese a enchufar a corrente eléctrica e a televisión.

• Quen realizará a instalación? A configuración da plataforma será levada a cabo por persoal cualificado do grupo de investigación da Universidade de Vigo, para poder solucionar calquera problema que xurda durante a súa instalación

• Que tipo de dispositivos se van instalar? O HTPC ten unha estrutura interna similar a un PC pero de dimensións moi reducidas e cunhas características especiais para estar no salón do fogar conectado á televisión (baixo ruído, baixo consumo etc.).

Responsables do servizo

• Perfil profesional: diferenciamos dous tipos de profesionais:

- O equipo encargado do desenvolvemento da plataforma, que son os enxeñeiros/as superiores de telecomunicacións, da Escola de Enxeñería de Vigo

- O equipo encargado de xestionar a administración e os contidos do sistema, que son os/as profesionais das entidades interesadas en prestar este servizo ás súas persoas usuarias.

• Dispoñibilidade destes ante emerxencias ou caídas do sistema: a dispoñibilidade será total, 24 horas os 365 días do ano.

• Funcións do responsable xeral do servizo: as persoas responsables serán os equipos profesionais que traballen para as entidades que presten este servizo.

Persoas usuarias

A quen vai dirixido? Principalmente este servizo está destinado a persoas en situación de dependencia, e encádranse neste caso a maiores, persoas con dependencia etc., así como familiares ou persoas coidadoras.

Que requisitos deben reunir para a súa utilización? O único requisito por parte das persoas usuarias para a utilización deste sistema de teleasistencia é ter capacidade de visión para poder ver a televisión, xa que este é o interface para interactuar co sistema.

Deben recibir formación para o correcto uso deste sistema? Deben recibir unha pequena formación cunha duración de 20 minutos aproximadamente, na cal se lles explicará ás persoas usuarias o funcionamento da plataforma e de todos os servizos que ofrece.

Equipo da persoa usuaria

De que tipo de equipo dispoñerá? Por unha parte a persoa usuaria dispoñerá dun equipo básico: o HTPC. Ao que pode engadírselle, ademais, calquera outro dispositivo de control que a persoa queira utilizar en virtude das diferentes funcionalidades do sistema, como por exemplo, o medidor de presión arterial.

• Mantemento do equipo e a súa reposición: para o bo funcionamento do dispositivo, a persoa usuaria soamente precisará de pilas para os dispositivos de control e periféricos (mandos a distancia).

Temática: